Autoestrada Alto de Santo Domingo - Ourense, S.A. Autoestrada Alto de Santo Domingo - Ourense, S.A.
ACEOUSA
Castellano 


Información xeral

  Autoestrada Alto de Santo Domingo - Ourense, S.A. “ACEOUSA”, é unha sociedade pública da Xunta de Galicia. Constituíuse o 24 de xullo de 2003, ao amparo das disposicións legais aplicables, en particular, do Decreto 310/2003, de 11 de xullo, do Decreto 400/2003, de 6 de novembro, do Decreto 432/2003 de 5 de decembro e da Lei 4/1994 de 14 de setembro, de estradas de Galicia, o seu domicilio social está en Santiago de Compostela e as súas oficinas, na rúa de Varsovia, nº 4 C, 2º, tamén en Santiago de Compostela (A Coruña).

  De acordo cos seus estatutos, a Sociedade ten por obxecto social a construción, conservación e explotación da autoestrada Santiago de Compostela-Ourense, tramo Alto de Santo Domingo - A52.

  Forman, tamén, parte do obxecto social, as actividades dirixidas á explotación das áreas de servizo, centro de transporte e aparcadoiros e calquera outra actividade directa ou indirectamente relacionada coa súa conservación e explotación, sempre que se atopen dentro da área de influencia da autoestrada, así como as actividades que sexan complementarias da construción, conservación e explotación desta.

  O Decreto 432/2003 mencionado, que regula a construción, explotación e conservación da autoestrada, establece que a súa explotación se realizará ata o 31 de decembro de 2057, podendo ser prorrogado este prazo mediante decreto da Xunta de Galicia. Ao final de devandito período a autoestrada reverterá á Xunta de Galicia sen compensación algunha, debendo ACEOUSA entregar as obras e instalacións construídas en estado de conservación e funcionamento axeitado.

  O trazado está formado por dous subtramos e o ramal a Carballiño, de 5,26 quilómetros de lonxitude, que enlaza co tronco principal en Maside. O primeiro subtramo, entre os enlaces de Dozón e Cea, en servizo desde o día 15 de outubro de 2007, ten 17,62 quilómetros de lonxitude de tronco, e o segundo, entre o enlace de Cea e o enlace coa autovía A-52, en servizo dende o 25 de abril de 2009, ten 14,02 quilómetros de lonxitude de tronco e ten prevista a construción dunha área de servizo situada no punto quilométrico 80+465, con acceso desde ambos sentidos da marcha. O trazado conta cun total de sete viadutos sobre as canles fluviais do Asneiros, Arenteiro, Mirela, Marañao, Barbantiño, Miño e sobre a estrada N-120, e discorre polos municipios de Dozón, Piñor, Cea, Maside, O Carballiño, Amoeiro, Punxín, Ourense e Toén, o que contribuirá a mellorar o acceso de máis de 150.000 persoas á rede de autoestradas.

  O 22 de xaneiro de 2009 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 300/2008, de 30 de decembro, que establece a aplicación das tarifas aprobadas pola Administración ao percorrido efectivo realizado polos usuarios. Devanditas contías serán abonadas pola Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, non sendo, pois, de aplicación o pago da peaxe por parte dos usuarios. Nestes termos, este decreto modifica o Decreto 432/2003, unicamente no extremo citado, mantendo vixente o resto das súas previsións.

  Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A.  (ACEOUSA)
Rúa Varsovia 4ºC, 2º.15707 Santiago de Compostela (A Coruña)
Número de identificación fiscal: A-15894876